sábado, 13 de junio de 2015

DOUS PAXAROS (OU MÁIS) DUN TIRO


Coma se fósemos xunguidos da man. Os políticos de dous partidos de Baños de Molgas e un servidor. Os políticos do BNG e do PSdeG porque seica esperaron ata o último suspiro ou, como dixo este xornal, ata o tempo de desconto para chegar a un acordo e así arrebatarlle a alcaldía ó PP. E un servidor porque tamén esperou ata a prórroga (os venres adoito escribir o relato e deixo de prórroga os sábados) para comunicar por medio destas liñas o gozo que o embarga.
A ver, o de Baños de Molgas foi unha auténtica machada que nin os máis optimistas esperabamos, polo que imaxino a alegría e o orgullo dos vencedores. Pero o meu gozo aínda ten máis mérito porque tamén, en Barbadás, onde vivo, houbo outro cambio máis que desexado. Como se adoita dicir: dous paxaros (ou máis) dun tiro. Quen pode pedir máis!

A Baños de Molgas hai moitos anos que tivo que chegar o cambio, porque sendo como é unha vila onde se dá todo, absolutamente todo para ser moitísimo máis do que é, estivo sempre metida nun pozo sen fondo por culpa da incompetencia, do deixamento, da neglixencia e da nugalla dos que a gobernaron. Non sei se con este novo equipo iniciará o rexurdimento, a resurrección, pero o que si sei seguro é que a peor non pode ir. Intúo que si haberá cambios a mellor, tanto en Baños de Molgas como en Barbadás. Merecen ter máis do que teñen.

No hay comentarios:

Publicar un comentario