sábado, 20 de junio de 2015

NON É TAN FÁCIL CUMPRIR


A semana pasada foi desas nas que me quedei sen temas para este recuncho, nas que me quedei completamente en branco. Entre que non lin os xornais con profundidade (por culpa do intenso traballo que tiven), entre que rematou o fútbol (que sempre é un asunto do que escribo e me gusta escribir) e entre que a política tan só nos deu os raquíticos cambios de Mariano Rajoy no PP (é verdade, a min que me importa!), digo que entre todo iso a miña cabeciña non deu para máis.

Lembro que un día me dixo o director deste xornal que admiraba a aquelas persoas que cumprían, practicamente a diario, coa obriga de encher aínda que só fose un recantiño dos xornais, que é moi complicado escribir algo todos os días. Eu, interiormente, case me burlo del  porque pensaba nas miñas catro trapalladas que escribo e que, para máis aquel, adoitan ser curtas (se exceptuamos a columna do cine). Emporiso, algunhas veces, penso se Sechu Pastoriza non tería razón; pois aínda que sexan trapalladas hai que pensar nelas e escribilas. Ás veces non che apetece. Outras non sabes que dicir. E unhas poucas non tes tempo ou estás para o arrastre. Pero as Pingas de Orballo están aí, os Recunchos Hebdomadarios chegan os luns e a Fábrica de Soños espera os sábados. Si, son un home moi ocupado. Quizais con esperpentos, pero tamén os escribiu Valle-Inclán. Vai por ti, Sechu; e por eses que teñen que cumprir sempre… que non é moco de pavo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario