sábado, 13 de junio de 2015

O EIXE DA VIDA



              Sua o eixe do carro polas corredoiras da infancia. Un berro racha o aire por entre os seos dun penedo e o seu bico do peito asoma ó lonxe. Súa o pelo dun neno porque o tempo non está quieto ó seu arredor. Ou é o neno o que non está quieto? Quizais ninguén saiba nunca o que vale un soño romántico ou un pensamento difuso. E se o saben non o din. Para que? Para que un punto e coma non lle poida dar pausa a un guión? Súa o eixe da vida porque dá voltas e reviravoltas polas corredoiras da inocencia. Pero quen é inocente hoxe en día? Nin os nenos. A actualidade ponos na realidade máis pura. E máis dura. O eixe da vida quéixase ante os camiños empinados e os momentos cheos de fochancas. E para algúns non hai chapapote que as tape. Deixade que a pregaria dunha oración acubille os desexos dun consolo. Non hai mellor remedio que tirar con firmeza do carro que nos leva por entre os obstáculos que nos atrancan a felicidade. Pero berremos coma o eixe e suemos coma persoas para saír airosos desta comparsa que nos atenaza, deste esperpento no que vivimos. O eixe da vida segue dando voltas. Que remedio!

No hay comentarios:

Publicar un comentario