lunes, 29 de junio de 2015

A COR DA NOSTALXIA



 
               A liga de fútbol acabou, pero a min aínda me dura a alegría da mesma. Non só porque o Celta e o Dépor seguen en primeira (co Celtiña facendo un fútbol de case outra galaxia), senón polos ascensos do Xixón e, principalmente, das Palmas. O Spórting pola veciñanza e porque sempre foi un equipo que me caeu ben. E As Palmas... As Palmas pola nostalxia. A tal nostalxia débese ás camisetas. Ou mellor dito, á cor das súas camisetas. A ver, nos anos 60 e 70 era unha cor que chamaba a atención; ese amarelo rechamante. Como defendín sempre a orixinalidade (naqueles tempos) da camiseta do Elche (de aí tamén a alegría o ano pasado polo seu ascenso): aquela franxa ancha de cor verde.
               Volvo ó equipo das Palmas porque, fóra da camiseta, tamén é unha entidade que se fai querer; non sei se por estar tan afastada de nós ou porque son así de melosiños. Tan só hai que ver a Valerón. Non quero dicir nada máis de Valerón porque este homiño, el só, merécese un xornal enteiro. Oxalá o equipo amarelo aguante moitos anos. Para ver a súa camiseta. A cor da nostalxia. Bo titular.

No hay comentarios:

Publicar un comentario