martes, 30 de junio de 2015

INOCENCIA DE ALGODÓN


 
               Ai lamento de ollos verdes e asubío de cu de pandeiro! Sempre hai xente que navega polas augas turbias dun pensamento e que arrebola catro palabras de orballo no encerado dun recordo. Ai soneto que acubillas versos de desconsolo!, de cando a luz do candil ensinaba os soños dunha treboada no outeiro máis alto. Sempre hai silencios nas salas do barullo e nunca deixarán as gaivotas de voar cara ó nordés. Que cada quen loite contra unha canción de Adriano Celentano, por exemplo, a algarabía de Prisencolinensinainciusol. Eran os anos 70, os da inocencia chea de nubes de algodón. Ai sentimento que non sentes nada! Quizais algún día o espírito maligno dunha xogada mal levada, meta gol na portería propia. Pero nunca seremos testemuñas do capítulo final dunha novela. Ou da última escena dunha película. Ou do último acto dunha obra de teatro. Toda arte precisa dunha intelixencia que vaia algo máis alá dunha lectura sinxela. Ai lamento de tinta azul que esborranchas o latexo dun pensamento!

No hay comentarios:

Publicar un comentario