jueves, 25 de junio de 2015

O LAGAS


 
               E se tiveras que cantarlle un rock and roll a unha procesión de formigas? Pero Lucero Mediodía Roupeiro non lle canta nada a ninguén porque está medio durmido sobre o tallo do bar. Lucero Mediodía Roupeiro, O Lagas, case se pode dicir que é alcohólico, que desde as primeiras horas da mañá xa non se decata practicamente de nada. Érguese con licor café, almorza con licor café e vive todo o día a base de licor café. De aí o alcume; porque din que bebe máis que unha laga. E con todas as melopeas que se colle, ou sexa, diarias, ninguén o viu caer nunca do tallo. Ladéase e baballa, ladéase e baballa, pero nunca cae. Porque, segundo bebe, tamén dorme. A súa vida é beber e durmir. Non fai máis. Non se mete con ninguén. Nin tan sequera pide a bebida. Pon a moeda ou o billete sobre o mostrador e o camareiro xa entende. Colle as voltas (se as hai) e nun santiamén volve pór outra moeda para que o mozo entende. Este entende: unha nova copa de licor café sobre a mesa. Pola noite, O Lagas colle unha botella de auga da burga de Baños de Molgas e é co que subsiste. De mañanciña cedo está novo, e volta a empezar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario