jueves, 18 de junio de 2015

SILENCIO NOSTÁLXICO


 
               Senta no poste da luz da Pitediña e contempla a vida pasar. A do lagarto que furga por entre os xuncos da indolencia. A da serpe que repta por entre as xuncas da falsidade. A dos coches que pasan camiño dos Milagres na busca de... de consolo?, de perdón?, de penitencia? Non hai que pecar, e punto.
               Senta no fotograma dunha película e verás as mentiras pasar. Mentiras que semellan verdade. E verdades que se rodan a base de mentiras. Cada actor interpreta o que lle mandan. Hai algúns que se botan fóra do guión e... alá vai o burro coas noces; alá vai a falsidade disfrazada de inocencia.
               Senta no cruceiro das Lamas e soñarás coa nostalxia. Daqueles anos que se foron e nunca máis volverán. Anos que, naqueles momentos, eran horribles. Anos que, hoxe, flotan, aboian nos sentimentos dun recordo. Todo pasa e se desvanece, soamente ti, recordo, te eternizas.
               Senta na travesa da E e verás pasar o conto de nunca acabar, o conto que sempre queres contar, o conto no que nunca se fai ruído. Silencio nostálxico.

No hay comentarios:

Publicar un comentario