domingo, 7 de abril de 2019

ALGO NON ENCAIXA

Que a xustiza se teña que valer moitas veces dunha persoa soa, sexa xuíza ou xuíz, non cadra, non encaixa. Que pasa se unha ou o outro ou os dous son incompetentes? Non é unha burrada o que digo. En todos os estamentos, traballos, organismos, ou como lle queirades chamar sempre hai algún incompetente. No periodismo, no fútbol, na política, na ensinanza, na sanidade... Ninguén é perfecto. Pero hai certos estamentos nos que habería que ter moito coidado. Sanidade e xustiza quizais sexan dos que máis dependemos.
Unha xuíza de Lugo sentenciou que certo acoso escolar a unha nena non era tal. Imaxino que a ela non a acosarían. Porque hai acosos nos que non son necesarias as malleiras; simplemente chegan con catro insultos ben lanzados e unhas olladas que atravesan. Con isto xa é suficiente para que unha nena ou neno sufra psicoloxicamente. Algúns, coidadiño!, ata as súas derradeiras consecuencias, ou sexa, ata o propio suicidio. Temos casos a darlle cun sacho. E creo que non é o mesmo unha secuela nun neno que nun adulto. Así é que certos asuntos non se deberían deixar nunha persoa tan só. Sabemos de xuíces que foron apartados das súas xudicaturas porque non eran competentes no seu cometido.

Finca Fierro. Domingo, 7 de abril de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario