martes, 9 de abril de 2019

NON ENTENDO ÓS INDECISOS

Non sei; ó mellor son demasiado listo. Ou burro e parvo de máis. Pero non entendo a eses que aínda teñen a dúbida de a quen votar. Non entendo a eses indecisos. Non estarán esperando ós programas ou propostas ou mitins dos partidos? Porque sempre prometen o mesmo e, despois, xa se ve o que acontece... promesas rotas. Para votar por uns ou por outros deberiades de mirar polo que fixeron, polo que fan, xa que esperar polo que dixeron... malo! Si, dixérono naquel momento. Pero foi naquel momento; hai tempo. E cando nos descoidemos xa temos outras eleccións enriba e sen haber solucionado nada.
Despois queixámonos nos bares, nas cartas ó director e nas redes sociais. Despois soltamos aquilo que o gran Xosé Lois puxo nunha viñeta na que o colega de bar de Carrabouxo quixo saber por que “ós vascos danlles as autoestradas e a nós non; que en que nos diferenciamos?”. Menos mal que O Carrabouxo, que é un auténtico sabio, e en tan só dúas palabras e un número resumiulle ó colega toda a arte das competencias do Estado coas Comunidades Autónomas: “En 7 deputados”. Aí queda iso! Con dúas palabras e un número dille ós galegos moito máis que en todo o que intentei dicir neste pobre relato. Aí están dúas palabras e un número para os que teñen dubidas. Nada máis.

Finca Fierro. Martes, 9 de abril de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario