miércoles, 10 de abril de 2019

ÁS ESCURAS

Cheguei de ver o partido. É noite. Vin ás escuras. Pero non tiven medo. Medo eu! A min nin a lexión me mete medo. Medo, en tal caso, o tiven de pequeno. Cando andaba no Medo coas vacas, e por aquilo de presumir un chisco, non as tanguía ata que era noite pecha. Claro que, para vencer o medo, botaba a cantar practicamente todo o repertorio de Camilo Sesto e entraba en Baños de Molgas como se actuase en plena Eurovisión. A algúns velliños ata xa os espertaba. Porque ó mellor xa eran preto das once da noite.
Agora non, hoxe non; agora eran tamén as once da noite, pero crucei todo o atallo sen medo ningún. Ás escuras. Non crucei cantando. Pero si crucei escoitando a outros que cantaban. Porque, cando o camiño é algo longo, sempre poño música que traio no meu móbil. Agora mesmo non sei quen cantaba. Ó mellor era Bob Dylan. Ou Albert Hammond. Ou Tom Waits. Non sei; como teño toda a música mesturada. Houbo un momento en que pensei se andaría o xabaril por alí. É que unha noite seica se lle apareceu a un dos meus rapaces. Dixo que oíra un ruído. Vai ti saber; ó mellor era un gato. Os rapaces de agora, aínda que teñan medo, non saben cantar, non cantan como cantaba eu. Normal; agora as cancións non teñen case letras; só é ruído. Tempos aqueles...

Finca Fierro. Mércores, 10 de abril de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario