sábado, 13 de abril de 2019

EMOCIÓN NAS BÁGOAS

Son un sentimental. Debe ser a idade. Agora emociónome por todo. Principalmente coas películas. Ou con certos pensamentos. Axiña se me enchen de bágoas os ollos. Emoción nas bágoas. Eu que pensaba que era un tipo duro. Principalmente nas películas. Hai máis de trinta anos que me ría do meu irmán porque se emocionaba con “A casa da pradeira”. E agora, eu, acabo de emocionarme con “Peter e o dragón”, unha pobre película sentimental que quizais fose máis apta para as primeiras sesións das tardes.
Menos mal que os ollos adoitan brillarme con sentimentos bos, con emocións de alegría e non con momentos dramáticos ou tráxicos. Estes danme máis ben carraxe, moita carraxe. Menos mal que acostumo a ver as películas só, e que é de noite. Dá vergonza confesalo, pero é a realidade. Antes producíame risa, coma no caso que contaba da serie da familia Ingalls. Agora... agora amoso ás veces un sorriso porque penso precisamente niso, en como viraron as tornas. A ver, sempre me emocionei cando vía que alguén conseguía algo moi importante: algún trofeo, algún premio, algún abrazo necesitado, algún berro de ánimo. Pero é que agora chégame con pensar só niso e, zas, xa os ollos que brillan demasiado... ou que forman canos.

Finca Fierro. Venres, 12 de abril de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario