domingo, 7 de abril de 2019

CÓS XEONLLOS FRÍOS

Xa sabía eu que tería frío. Teño frío. Nos xeonllos tan só. As orellas téñoas quentiñas porque uns grandes auriculares téñenas prisioneiras, é dicir, oprimidas, ou sexa, esmagadas. Fóra vai frío. Na casa... na casa porque está a calefacción. Estabamos mal acostumados; días atrás xa con camisas de manga curta e agora coa calefacción posta e a neve sobre a serra do San Mamede.
Joan Manuel Serrat canta “Epitafio para Joaquín Pasos”. Non sei se faría frío cando gravou esta canción. É igual; aínda que houbese frío, ó cantar éntrase en calor. Se non chega con cantar, báilase e xa está. Hai bailes que incluso te fan suar. Quen dixo frío, pode exclamar, por exemplo, Serrat. E ponse a bailar. Aínda que non debuxo moi ben a Serrat sobre unha tarima bailando. É igual; o caso é que cante. Tampouco imaxino a Simon & Garfunkel bailando, e menos coa canción “Bridge Over Troubled Water”, que en cristián adoita ser “Ponte sobre augas turbulentas”. Hoxe está o día como para caer sobre esas augas turbulentas. Incluso é mellor non cruzar ningunha ponte. Por se aquel. Podes caer ou virse a ponte abaixo e afogar conxelado. Se fóra vai frío, dentro dunhas augas turbulentas non che digo nada. Mellor, estar na casa. Coma min. Pero cos xeonllos fríos.

Finca Fierro. Sábado, 6 de abril de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario