lunes, 8 de abril de 2019

NO REFACHO DE VENTO

Cando notei que se achegaba un refacho de vento subinme a el e con el marchei. A partir dese momento vin cousas que ninguén vira. Algunhas non se vían porque non existían. Simplemente que a miña imaxinación dicían que estaban aí. E estaban. O problema é voso non saber ver as cousas. Co fácil que é mirar. É moito máis fácil que falar, que a palabra. Subido ó refacho de vento pasei por lagoas que non tiñan auga e por mares que se quedaron sen peixes. A non ser que nas grandes profundidades os houbese invisibles, eses que non se ven.
Tampouco se ve moi ben a pinga de orballo que pende da flor do toxo. Non se ve ben, porque o refacho de vento fungaba a uns 523 metros de altura, que xa é moita altura. Pero eu si, eu sabía que naquela flor do toxo había unha pinga de orballo. Porque o imaxinaba. Porque vós seguides a ter problemas coa imaxinación. Co fermoso que é imaxinar. Eu sempre imaxino antes de empezar a durmir. Vin (non imaxinei) o escudo do Real Madrid que un paspán gravou alá polo 1976 sobre un penedo de Barricobos, que seica é un monte que pertence a Baños de Molgas. Unha vila que, vista desde o refacho de vento, semella fermosa. Claro que os que non teñan imaxinación nin tan sequera a saberán debuxar. Alá eles. Sigo montado no refacho de vento.

Finca Fierro. Luns, 8 de abril de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario