jueves, 30 de mayo de 2019

A FONTE DA LAMEIRA

Hai uns días, dando un paseo polo meu barrio en Baños de Molgas, e vendo o carreiro que levaba á fonte da Lameira, déuseme por achegarme a vela. Pero co corazón nun puño. Porque levaba trinta anos ou máis sen ir a esa fonte. Unha fonte á que, na infancia e xuventude, ía practicamente a diario. Na infancia era máis ben para buscar auga para beber, porque era fresquiña e porque quedaba máis cerca que a fonte do Muíño. Na xuventude, aínda que de cando en vez, principalmente no verán, seguiamos colléndoa para beber, xa usabamos a da fonte que se fixo na Aira de Arriba, que viña, por certo, da fonte de Ligo, moi preto de Bouzas.
Pero aínda así, eu seguía collendo auga na fonte da Lameira porque, a uns cincuenta metros tiña unha finquiña bastante estreita, pero suficientemente extensa como para facerme realizar varias viaxes con cubos para coller auga e regar os produtos hortícolas. Mais desde que deixamos de traballar ese terreo, xa non volvín a poñer os pés por alí. Non obstante, atinei perfectamente dela, porque a verdade é que non ten perda; simplemente hai que seguir o carreiriño. Sempre lembrarei as píntegas ou salamántigas que estaban no fondo. Din que onde están estas, hai boa auga. A fonte da Lameira tiña e ten unha moi boa auga.

Finca Fierro. Xoves, 30 de maio de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario