jueves, 9 de mayo de 2019

QUERO ESCRIBIR...

Quero escribir un refrán e penso nunha canción de Ray Charles e Betty Carter. Así me pasa moitas veces; a miña cabeza vai e vén polas corredoiras dos sen sentidos. Agora mesmo non sei moi ben se as corredoiras teñen sentido. Terán, digo eu. Poida que sexa eu o que non teña sentidiño ningún. É igual; o caso é bailar baixo a influencia dun tema de Milladoiro. Hainos que se bailan ben e hainos que simplemente hai que escoitalos; e punto.
Quero escribir sobre a inercia dun soño que me asoma todas as noites: que lle dou ó coche marcha atrás, que non consigo frealo, que non vexo un carallo e que me angustio porque, por lóxica, teño que darlle a algo ou pillar a alguén. Non obstante, nunca me pasa tal cousa; nin esnafro o coche nin mato a ninguén. Cando a ansiedade chega ó seu punto álxido, creo que esperto. Creo. Agora mesmo non o sei. Ó mellor ata poida que enlace con outro soño. Escribo unha corrección: ó asunto do coche non lle podo chamar soño, pois iso é máis ben un pesadelo. Os soños sempre son bonitos. Os pesadelos son agónicos. Quero escribir sobre a negrura da noite, pero se miro para fóra tan só vexo a unha rula pousada na punta máis baixa da lúa. Ó mesmo tempo, as dúas (a rula e a lúa) deixan escapar unha cantiga de berce de Fuxan Os Ventos. Quedo en silencio.

Finca Fierro. Xoves, 9 de maio de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario