lunes, 13 de mayo de 2019

POR 97 METROS!

Se esbardallo ou se badúo aquí sobre certas noticias, algúns ata poden pensar que me saio de nai. Pero se les que unha nai ten que transportar á súa filla nunha carretilla para que chegue ata o colexio porque o autobús, por 97 metros, non pode desviarse da ruta, xa me diredes se pode un laretar ou non. É tan denigrante o asunto que cheguei a pensar se non sería un bulo, unha trola dalgún xornal para chamar a atención. Pero días máis tarde, asomou en máis xornais e iso xa acabou por me rematar. Por 97 metros! Nin tan sequera polos famosos 100 metros lisos.
Á Xunta debería caerlle a cara de vergonza (claro que a vergonza política hoxe en día...). Por certo, aínda que se negase a compañía transportista, por exemplo, tiña que contratar a Usaín Bolt para eses 97 metros. Deprimente. Tétrico. Por 97 metros! E se ó mesmo tempo se che dá por pensar neses coches que se poñen a disposición de catro pasmóns, de catro apaiolados que pensan que nos representan ou nesas axudas de custo que cobran por ir de aquí para alá cortando cintas ou pondo primeiras pedras en inauguracións, digo que se pensas nisto, a ver, quen non esbardalla, quen non latrica, quen non badúa, quen non desexa crucificalos, carallo, falando claro. Por 97 metros! Que triste! Canta carraxe!


Finca Fierro. Luns, 13 de maio de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario