miércoles, 8 de mayo de 2019

BONITO MENTRES DUROU

Acabouse o que se daba. E non me refiro ó Barcelona na Liga de Campións (só que fose polo cuarto gol, xa merecía caer eliminado), senón que vou falar do pobre Huesca. Creo que se fixo querer en toda España. Eu, por partida dobre: por ser un equipo tan modesto e por David Ferreiro, por suposto. Rematou a aventura na primeira división daquel e deste. A alegría na casa do pobre sempre durou pouco, moi pouco. Pero tamén como se adoita dicir: foi bonito mentres durou. Moi bonito. E para un servidor, marabillosamente fermoso. Ver a un molgués traendo tolos ás mellores defensas de España (e se non que llo pregunten á do Real Madrid) é algo que, á forza, enche de orgullo.
Agora o seu descenso recoñezo que me dá pena. Non polo club (porque máis ou menos xa se intuía), senón polo meu veciño. Creo e estou seguro que ten a suficiente categoría para seguir en primeira división. Máis ou menos seguín as críticas, as estrelas, os corazóns e comentarios que se fixeron ó longo de toda a temporada e a maioría estiveron de acordo en que David Ferreiro era sempre un dos destacados do Huesca. E naqueles partidos que entraba de suplente, revolucionaba sempre o encontro. Sei que renovou polo Huesca, pero, a ver se... Oxalá!

Finca Fierro. Martes, 7 de maio de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario