miércoles, 22 de mayo de 2019

ESTA SANTA RITA...

Quedei algo así coma medio fundido. E iso que aínda teño tres libros para ler; un deles, a medias. Pero por se aquel, por se non me gustan, por se pasa algo, por se a ver o demo... Non vaia ser que me quede sen lectura! Que desgraza, meu deus, morrería co desgusto! Entón, polo seu aquel, marchei á biblioteca de A Valenzá coa intención de coller en préstamo algún máis (é mellor que sobren ca que falten; moito mellor!). Pero quedei algo así coma medio fundido. Porque cando cheguei á biblioteca vin a persiana baixada e o cartel na porta. Santa Rita. Patroa dos funcionarios.
E mira que lera a noticia pola mañá cedo neste mesmo xornal! Pero... as ansias de lectura! Aínda que, o máis principal, a miña cabeciña! Porque xa polo mediodía me acontecera o mesmo: que quixen realizar uns trámites no concello de Baños de Molgas e ó intentar abrir a porta, a Santa Rita tamén colgara alí un cartel, un letreiro para advertir do peche das dependencias municipais. E mira que o lera pola mañá cedo! A miña cabeciña! Esta maldita idade! Un xa non é como era. O tempo empeza a pasar factura. Pois nada, mañá é outro día. E o libro que estou lendo xa sei que non o deixarei a medias, polo que ata mañá chégame ben. E o xoves xa non é Santa Rita. Que mira que me amolou hoxe...

Café Paladium da Valenzá. Mércores, 22 de maio de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario