viernes, 24 de mayo de 2019

MATANDO A ESPERA

Hai que matar a espera. Co que sexa. Por exemplo, escribindo. Tomando un café nunha terraza. Vendo pasar a xente. Ver pasar a xente entretén moito. Os coches tamén entreteñen, pero son máis molestos: meten ruído. O café xa o tomei. En tres tragos ou sorbos xustos. Nunha cadeira teño o libro que acabo de coller en préstamo na biblioteca. Á miña dereita anda unha pomba na busca de migallas de bica ou de madalenas. Sobre a mesa, un móbil de cor negra. Hai que matar a espera de que abra a panadaría. Teño que coller dúas barras de pan. Á forza, ademais. Porque un servidor sen pan non sabe comer; nin tan sequera con patacas.
Televisión proxectando imaxes e máis imaxes pero sen voz. Mente que pensa nas eleccións. Tan só foi un lóstrego de pensamento. Porque xa hai moito tempo (desde que teño uso de razón) que sei a quen botarei. Non preciso mitins nin coloquios nin entrevistas nin pasquíns nin debates nin rabo de gaitas. É que son moi listo. Hai que matar a espera. Que cada vez xa é menos. Menos tempo, claro. Menos tempo que queda. A pomba segue na procura de migallas. Xa remato. Agora vou quedar un cachiño contemplando a vida pasar. Cómo se pasa la vida, cómo se viene la muerte tan callando... É un dicir; porque eu tarde morro.

Café Paladium da Valenzá. Venres, 24 de maio de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario