domingo, 12 de mayo de 2019

TOCA DOBRE SESIÓN

Hoxe toca sesión nocturna dobre de cine. É domingo. Todos os domingos adoitan deitarse sobre os meus miolos dúas películas; se é que merecen algo a pena. Algunhas veces, nin aínda que as busque coma agullas nos palleiros, aparecen. Ultimamente, as teles, todas as teles, acostuman a repetir unha e mil veces as mesmas películas. Repítenas tanto que incluso eu me sulfuro. Cando eu, precisamente eu, vexo as longametraxes unha e outra vez. Agora mesmo vou ver dúas que xa vin varias veces. E non me importa; porque case non me acordo para nada do que vin. Isto ten unha explicación: lembro que antigamente, de rapaz, cando vía unha película tirábame horas ou días pensando nela.
Agora, cando vexo unha película, no momento de que remata xa estou pensando noutras cousas, cando levanto a butaca do cine deixo que os personaxes, as escenas e os protagonistas se vaian á cama como me marcho eu. Por iso hoxe os meus rapaces se asombran de que non lembre tal ou cal secuencia que vimos, por exemplo, o outro día no cine. A eles pásalles o que me pasaba a min: que durante un tempiño viven por e para o filme que acabaron de ver. Pero a idade, ai a idade, esta vainos axustando ó seu ritmo, que, para certas cousas, avanza a gran velocidade. Vou coa primeira sesión.


Finca Fierro. Domingo, 12 de maio de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario