domingo, 19 de mayo de 2019

A BONDADE DA XENTE

Máis dunha vez teño comentado que vivimos nun lugar privilexiado, principalmente sobre o asunto climatolóxico, pois ás veces, no mesmo día, chove, sae sol, saragana, núbrase, xea e ata queren caer folerpas de neve. Pois, moitas veces, a sociedade galega é coma o tempo climatolóxico; tan ben matamos por un marco ou a galla dun carballo que traspasa as marxes da leira como lle damos chourizos e outros agasallos a un descoñecido que se perdeu polo camiño. Isto último foi o que aconteceu, máis ou menos, na aldea de A Devesa, pertencente ó concello de Vilardevós.
Polas súas estradas asomou un camioneiro checo que quedou atrapado nesas pistiñas non aptas para camións de moita envergadura. Os veciños, tan axiña como notaron a desesperación do pobre checo, empezaron a arrimar o ombreiro na procura dun condutor veterano que, como non, conseguiu revirarlle as tornas ó camión, e agasallando ó forasteiro con restras de chourizas e demais viandas. Espero, confío e desexo que os veciños de A Devesa non fagan agora coma o tempo: que do sol non pasen á neve, é dicir, que non vaian agora a matar por un marco ou unha galla. Co detalle dos chourizos, para min, xa alcanzaron o ceo. Ás veces é bo que nos descontrole o GPS; descubrimos a bondade da xente.

Finca Fierro. Domingo, 19 de maio de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario