domingo, 5 de mayo de 2019

FORON COMA UN CONSOLO

Aínda que as ganas non eran moitas (porque practicamente botara todo o día picando na leña), achegueime de todas as maneiras á Casa da Cultura da Valenzá para ver a obra da produtora teatral De Ste Xeito “Loló e Mamá”, interpretada pola carballiñesa Josi Lage e a madrileña Stephy Llaryora. E elas as dúas, ó instante, foron coma un bálsamo, coma unha pomada, coma un relax, coma un consolo para o meu cansazo, para a miña dor de costas e brazos. Porque a nai (Josi Lage) e a filla (Stephy Llaryora), a filla (Loló) e a nai (Margot), en momentos emocionáronme, en momentos fixéronme rir e en momentos fixéronme pensar moito máis alá dos meus propios pensamentos e sentimentos.
Obra de relacións, de reproches, de xogos, de recordos, de xenreiras; pero tamén de amor, de moito amor. A ver, quen non lle quere a unha nai! Que nai non lle quere a unha filla! Se todo amor de nai vai nun simple ovo fritido. Se todo amor de filla está na simple presenza da nai. Unha nai que quere cambiar o mundo e unha nena que quere ir a Madagascar. Dous seres do mesmo sangue que sofren e se aman. Claro que, xa se sabe, o amor é unha arma de dous fíos, pois canto máis se ama, máis se sofre. Ó final, o cansazo deixoulle sitio ós sentimentos por dúas actrices que só coa súa presenza encheron a miña vida. Graciñas.

Finca Fierro. Domingo, 5 de maio de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario