lunes, 20 de mayo de 2019

DEFLAGRACIÓN NA LIÑA FÉRREA EN MOLGAS

Aproveitando que temos aí o AVE á volta duns meses (poida que sexa un dicir), veume ó pensamento una nova que atopei do mes de xaneiro de 1930, nas obras que se levaban a cabo en Baños de Molgas, para a construción do ferrocarril Zamora-Ourense. Resulta que ó día seguinte do Ano Novo aconteceu unha tremenda desgraza que polas circunstancias e consecuencias impresionou en toda a contorna. Na caseta na que traballaban varias persoas da citada obra instalárase unha compresora de barrenar, e no mesmo recinto había gran cantidade de dinamita almacenada.
Un dos capataces quixo preparar varios barrenos, polo que se dedicou a quentar certa cantidade de dinamita, aproveitando a calor da compresora. Axiña, e sen saber ben como, unha chispa empezou a armar das súas ata que choutou todo polos aires, incluída a propia caseta. Na explosión morreu o citado capaz, Jacinto Rodríguez, de Vilela (Verín), de 26 anos e solteiro, e o axente de contribucións Juan Vila Incógnito, de Sanguñedo (Baños de Molgas), de 48 anos, que accidentalmente pasaba por alí. Tamén dous obreiros máis resultaron feridos, pero de pouca consideración. Ó lugar da deflagración axiña se presentaron os médicos da bisbarra e o Xulgado municipal para as correspondentes dilixencias.

Finca Fierro. Luns, 20 de maio de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario