miércoles, 14 de agosto de 2019

A CULPA NON É DO PAPELAME

Ten o seu aquel o funcionamento cara ó público da oficina da Xerencia Territorial do Catastro de Ourense. Entrei e atopei a típica maquiniña de dar cita coas súas correspondentes seccións: información, rexistro xeral, certificacións, etc. Como levaba papeis que pensaba que podían estar ben, pois para que perder tempo pedindo cita para Información se xa podía rexistralos. Así fixen: saquei directamente número para rexistrar. Había creo que seis mesas para atender. Tocoume a 2. Non levaba todo ben. Vale, de acordo. A pedir cita para Información. Unha boa cola, claro. Esperando, vexo que as seis mesas atenden todos os asuntos. Polo que a mesa 2 tamén atendía os asuntos de información. E digo eu: se tamén informa, por que non me informou xa?
Para máis aquel, e cando xa me tocou ir á mesa 1 (que moi ben me puido tocar a 2), tal información consistía en avisarme que me faltaba a declaración de herdeiros. Só isto. Á da mesa 1 (muller, si) conteille o mesmo que ó da mesa 2 (home, si) e lanzoume a frase da declaración de herdeiros. Nada máis. E volvo dicir eu: só era unha maldita frase!, que a puido dicir desde un primeiro momento o da mesa 2. Traballei toda a vida na administración, sei como vai isto e por iso sempre lle tiven pánico ó papelame administrativo. Claro que, ás veces (digo, moitas veces), non é culpa do papelame, senón de quen tramita tal papelame. Con razón, uns que estaban por detrás miña na espera se queixaban dos funcionarios e a min doíame na alma (porque fun funcionario), pero, moitas veces, hai que darlles a razón.

Finca Fierro. Mércores, 14 de agosto de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario