Vive
feliz o ser humano? Pero realmente feliz? É libre? Vive libre?
Seica nos tiramos 19 anos estudando, no
sistema educativo. Si, de acordo, a infancia e a adolescencia, as que
se pensa ou se cre que son as etapas máis bonitas da vida. E penso
que con razón. Pero, a verdade, se analizamos a fondo esas dúas
etapas, hai que chegar á conclusión de que, efectivamente, estamos
máis prisioneiros que libres. Entre os colexios e os deberes pouco
queda. E precisamente por iso, hai que deitarse cedo para madrugar ó
día seguinte. Ou sexa, facer os días moito máis curtos. Certo que
a liberdade e a felicidade deses dez, trinta minutos cos que gozamos
nesas dúas etapas, non ten prezo. Pero é moi pouco tempo para unha
idades, ás veces, bastante inocentes. Logo, ó pouco de rematar os
estudos (algúns nin esperan a rematalos) xa casamos ou nos
achegamos, polo que a liberdade... ufff, e aínda que ó principio a
felicidade semella auténtica, verdadeira, axiña empeza a rutina a
facer estragos. Cando aparecen os fillos,
entón si, entón aí esquecémonos xa definitivamente da liberdade.
E a felicidade, pois como na infancia e adolescencia, ós cachos,
dez, trinta minutos estás coma en éxtase de contento, de feliz.
Pero o resto do tempo asoman as angustias de que farán, por onde
andarán, como se comportarán, por que non estudan, en que
traballarán. A conclusión non é outra que, nin somos libres nin
somos completamente felices. Aínda que, iso si, eu agora mesmo,
síntome o home máis libre e máis feliz do mundo. Xa sei que son
algo raro, pero...
Xa que neste
Recuncho toquei esas tres etapas da vida, vou logo coa derradeira,
coa etapa final. Ten que ser, é moi triste morrer en soidade. Porque
xa é moi triste vivir en soidade. Sobre isto, sobre o de vivir en
soidade sei algo. Porque me tirei nove anos
e pico vivindo na capital do Imperio, nunha pobre pensión que, aínda
que era feliz nesa cidade, había que pasar alí horas e horas metido
nela. Pero si, moito peor é vivir en soidade de vellos e, por
suposto, morrer en soidade. Na nosa terra, en pouco tempo, xa van
preto de 20 persoas que deixaron este mundo sen que ninguén mirase
por elas. É moi triste. Porque, para máis aquel, non sabemos como
realmente faleceron. Como se adoita dicir:
que Deus nos acolla confesados.
Finca
Fierro. Sábado, 10 de agosto de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario