jueves, 8 de agosto de 2019

MORDER SILENCIO

Quero morder silencio. Ás veces non queda outra que morder silencio. Para non berrar, claro. Cando a impotencia é grande, quero berrar. Cando a carraxe é grande, quero berrar. Pero moitas veces ó berrar ou por berrar sae un malparado, maltreito. Mellor estar calado, morder silencio. Aínda que doa. Aínda que esgacen as entrañas para deixar escapar o berro seco, o berro longo, o berro eterno. Dan ganas de cuspir o berro mollado, o berro sanguento. Pero teño medo de mollar, de salpicar a quen non debo. Así é que toca morder silencio.
Non, por Deus, non esbardallo contra ninguén. Simplemente que ás veces gústame esaxerar un pouco ou facer coma que levo o demo dentro. E solto todo ese ruxerruxe para que se pense que teño a xenreira furgándome na bile. Mais a bile cóspese e xa está. Eu, no fondo, son o propio silencio. Intento non facer ruído. E déixome levar polos regos que me abren outros. Para non ter que berrar, sabedes? Son coma ese canciño que vai sempre detrás do amo e dándolle ó rabo. Si, ás veces tamén mordo. Ou polo menos intento morder. Só de palabra. De palabra escrita, claro. A oral sería, pois iso, o berro que sae, o berro que estoura, o berro que intenta facer dano. Pero eu.. eu, que non mato unha mosca... Mellor morder silencio e non distraer a ninguén para que non se torzan os regos. Mordo silencio e non berro.

Pizzaría Vivaldi da Valenzá. Xoves, 8 de agosto de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario