miércoles, 7 de agosto de 2019

POLOS CONFÍNS DO UNIVERSO

Hoxe dá gusto andar polas rúas. Nubrado. Ás veces chovendo incluso. Non hai o afogo destes días. Saín a mercar cousas domésticas para a casa. Pero eu cada vez que saio, aproveito. Aproveito para facer algo. Ou varias cousas a un tempo. De primeira, iso si, vai o café. O día que falte o café ou se acaba o mundo ou rebento. Aínda que teño unha vantaxe sobre os demais: que como son astronauta, podo emigrar para outro planeta. Malo será que en algún non haxa café.
Como non pode emigrar un galego se somos emigrantes de por vida! Onde non está un galego! E o café ten que ser coma o galego: estar en todos os confíns do universo. E sendo de utilidade; o galego (o café tamén) Que esta é outra. Por moito que se fale das dúbidas dos galegos (que seica non sabemos se subimos ou baixamos), nós somos moito. Pero mira que lle preocupa á xente se imos ou volvemos! Só queren saber! Se se preocuparan das súas vidas... Que me desvío do asunto. De que asunto? O de aproveitar o tempo? Pois ó mesmo tempo que tomo o café leo os xornais. Se xa os lera intento escribir algo. Algunha vez é verdade que quedo de pasmón contemplando, por exemplo, a eses que queren saber se comemos ou pasamos fame. Interesados do carallo! Con café ou sen café, e ante esta xente, case dan ganas de emigrar polos confíns do universo.

Bar A Pedreira da Valenzá. Mércores, 7 de agosto de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario