domingo, 11 de agosto de 2019

PERCORRIDO DE NECESIDADES

Antigamente a máxima potestade nunha provincia caía no Gobernador Civil, e cando este se dedicaba a visitar zonas, concellos ou lugares ía acompañado, por suposto, por un gran séquito de autoridades, ás que había que tratar digamos que demasiado ben. Así, o xoves 7 de agosto de 1958 o xefe provincial do Movemento, ou sexa, o Gobernador don José María Quiroga de Abarca, aproveitando que inauguraba a luz eléctrica na parroquia de Zorelle e Maceda, percorreu así mesmo os concellos de Paderne de Allariz, Baños de Molgas e Vilar de Barrio.
Ó meu concello, ou sexa, ó de Baños de Molgas chegou xa de noite, pero aínda así puido contemplar como eramos de bos como anfitrións cando viu polas rúas arcos triunfais con pancartas e inscricións de agarimo e benvida. Os meus veciños (eu aínda non nacera) esperárono como auga de maio, así como certas comisións parroquiais, eclesiásticas e a corporación municipal, encabezada polo alcalde don Eduardo Laherrán de La Sota. Este, no discurso de salutación, axiña nomeou as principais necesidades e problemas do termo municipal que “quedou moi atrasado no progreso”. A contestación foi de promesas, claro, “para que Baños de Molgas se incorpore rapidamente ó concerto dos demais concellos da provincia”. Pero as necesidades eran tantas que, as promesas... Iso si, despedímolo con vivas mostras de afecto e entusiasmo. Faltaría máis!

Finca Fierro. Domingo, 11 de agosto de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario