Remataron
as vacacións políticas e volve o barullo da investidura. Unha
barafunda tal que
empeza o asunto a ser un pouco esperpéntico. É máis, ó final vai
ser que si, que haberá novas eleccións, que teremos que votar de
novo; co risco, por suposto, da abstención: porque a xente, penso,
que empeza a cansar de tanta trapallada de pactos, de
declaracións e de medias verdades ou mentiras enteiras.
Menos mal que sempre nos quedará París, digo o xabaril. Porque anda
a cousa quente no medio rural pola desfeita do
porco bravo. E, por que non, tamén xa no
medio urbano: empeza a campar a pracer, á
vontade, ás súas anchas por vilas e
cidades. Case xa é amigo noso. Vémolo nunha viaxe, por exemplo, e
aminoramos a marcha do coche para contemplalo. Vémolo fozando nun
lameiro á beira dun río e sacamos o móbil para fotografalo e
ensinalo nas redes sociais. Os agricultores e gandeiros queren
batidas para exterminalo. Pero, o pobre, que culpa ten; el xa vivía
neste mundo antes de chegar nós. Ten que buscarse a vida coma
calquera ser vivo. E cada vez ten menos onde vivir; porque o ser
humano avanzou, avanza e avanzará sempre na conquista do que non é
seu. E quen di o xabaril, di o lobo. Ollo ó
dato, non vou en contra dos gandeiros e labregos (profesión á que
pertencín, pertenzo e pertencerei sempre), pero creo que hai outras
opcións para que eses dous animais non nos fundan na miseria e sen
ter que aniquilar a eses dous bichos
ós que pouco a pouco lles roubamos o seu territorio.
De exterminios
vai seguir este Recuncho. Porque a Xunta de Galicia lávase as mans
ante a caza da rula, unha ave en perigo de extinción. Unha ave que
ten o seu aquel na nosa comunidade; non xa só como animal en si,
senón incluso polo seu nome: apelación
cariñosa que
adoitamos usar para esa muller á que queremos, á que amamos, pola
que sentimos algo máis que agarimo.
A nosa Xunta
prefire pagar a multa que lle imporá a Comunidade Europea, que,
por suposto, sairá do noso vivir. Porque
esta si ten intención de protexer a esa ave que, a maiores do seu
nome, usa ese
canto tan significativo e realiza eses
niños que me asombraron sempre: que con poucos caxatiños xa cumpre
para asentar os ovos e criar a súa prole. Ningún
animal é imprescindible.
Todos son necesarios.
Finca
Fierro. Sábado, 24 de agosto de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario