miércoles, 28 de agosto de 2019

CORAZÓN DE PAPEL

Corazón de papel nunha pinga de auga que aboia sobre a intelixencia dun pobo e que racha ante a forza dun consolo. Aínda que hai momentos nos que a calma, o sosego se deita sobre a morriña da memoria, sobre a señardade da nenez. Quen máis quen menos latexa sobre un verso que se escribiu sobre a codia dun amieiro e o miolo dun sabugueiro. Corazón de papel que voa empurrado polo vento e con cada sentimento co que se atopa acouga un chisco para rimar máis versos. Despois que cada quen opte por furgar, por escaravellar por entre os poemas que esconderei detrás das paredes do meu tempo. Todo o que se oculta, ó final, sempre sae á luz, sempre se descobre.
Corazón de papel que calquera esmaga sen querer (ou querendo) con pés de chumbo que andan polos camiños da indiferenza. Eu sempre procuro andar polas carrilleiras que case non se ven pero que sinto coma lapas pegadas nesa idade na que aínda non tiña conciencia. Case podo dicir que, mesmo hoxe, son pura inocencia. Non obstante, de cando en vez, a cara de ferruxe fai acto de presenza. Pero por pouco tempo. Son dos que deixo asomar axiña un sorriso, para que debuxe un corazón neste mesmo papel no que escribo. Corazón de papel que vai e vén para acabar aterrando sobre o niño da rula, desa rula elegante e bonita á que miro... e me mira. Aí queda por fin quieto. E feliz.

Bar A Pedreira da Valenzá. Mércores, 28 de agosto de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario