jueves, 29 de agosto de 2019

A ÚLTIMA MONA

Dicía o primeiro titular de La Región do xoves 29 que “a normalidade climatolóxica dálle un respiro ó agro tras tres anos de crise”. Agora, carallo! Agora que abandonei a viña! Precisamente no momento de escribir estas liñas hai dous anos que tivemos que vendimar xa porque dous días antes (o 28 de agosto) caera a pedra de tal maneira e fixéralle ás uvas tanto dano que non quedou outra que collelas para que non podrecesen. E iso que aínda estaban bastante verdes. Pero o esperpento do asunto está en que o 28 de abril viñera unha xeada tan grande que a esnaquizou por completo, polo que tivemos que podala enteira de novo. É dicir, que no mesmo ano a climatoloxía escarallouna dúas veces. Así é que a viticultura deume máis desgustos que satisfaccións. Iso pola parte climatolóxica.
Pero se collo agora a parte, chamémoslle “bodegueira”, teño que dicir que un ano unha bodega díxome a tan só 10 ou 15 da vendima que non me podía coller as uvas. Púxenme tolo buscando bodega. E cando atopei unha, mellor fora non atopala. Para poder cobrar (no 2017!) a colleita do 2014 tiven que ameazalos con sacar o asunto na prensa. E un ano máis tarde, para cobrar a do 2015, xa non quedou outra que botar man dun avogado. Así anda o agro no noso país. A agricultura é a última mona de todos os Gobernos que, por suposto, non nos gobernan. Só gobernan para as súas poltronas e as súas contas bancarias.

Pizzaría Vivaldi da Valenzá. Xoves, 29 de agosto de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario