sábado, 17 de agosto de 2019

MÁIS FORTE CÓS BURACOS NEGROS

Quere caer o universo sobre min. Pero son máis forte que o buraco negro que apareceu na galaxia máis afastada do tempo. Porque o tempo, tanto alá como acá, é infinito, é eterno. Son máis forte que unha estrela da fartura ou que unha estrela fugaz. A estrela fugaz pasa nun lóstrego, que para iso é fugaz. Eu duro moito máis. Eu, prometo, que serei eterno. Eterno como unha canción que non ten fin e a pesar de non contar con ningún retrouso. Eu canto por cantar. Porque, verdadeiramente, cantar non sei cantar ben. Xa mo dicía miña nai: “ai, neno, que mal cantas”. Pero as miñas cancións quedan na memoria do monte Medo e na intelixencia das vacas, de cando entraban de noite polas rúas de Baños de Molgas.
Fose por medo, fose porque me gustaba cantar (aínda que cantase ben mal), eu entraba pola Cagalla cun concerto na boca que, á forza, tiña que penetrar nas grandes cabezas dos animais vacúns, e nas daqueles veciños que xa estaban co primeiro sono. Canto por cantar. E as cancións viaxan polo espazo sideral ata penetrar no buraco negro da miña conciencia. Sempre tiven unha boa conciencia, aínda que ás veces o espírito maligno quería deixar pegada nese universo que quería caer sobre min. Pero eu son moito máis forte que todos os buracos negros dalgúns pensamentos, dos vosos pensamentos. Sinceramente, hai pensamentos negros, moi negros.

Pizzaría Vivaldi de A Valenzá. Venres, 16 de agosto de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario