jueves, 28 de noviembre de 2019

A INERCIA

Quero moverme, pero non me responden as pernas, non me responde o corpo. Ó mellor é o entendemento o que non responde. Por veces é moi complicado saber o que un quere facer, ou dicir, ou incluso escoitar. Todo dá tantas voltas. Como unha pelota. Aínda que eu estou quieto, parado, inválido, un inútil... porque non me podo mover. Sentei no mazadoiro da burga e non hai maneira. Tan só me queda contemplar, mirar, ver, outear, intentar captar. Vexo a rúa que sae para Os Milagres e acumúlanse os recordos: moitos paseos, moitas idas e voltas, moitas cancións, moitos berros. Miro como pasan os coches e non coñezo a ninguén. Oio o ruído do río Arnoia e aí xa todo se detén: o tempo, o entendemento, os sentimentos, ata a inercia se detén. É moi complexo, moi difícil que se deteña a inercia, pero detense.
A inercia é aquel acto ou aquel feito que te leva ó habitual, á rutina, ó que sempre ansiaches. Quero moverme pero non o consigo. Vexo como todo pasa e, maldita sexa, nada cambia. O normal era que cambiase. Porque sempre se dixo que o tempo pasa e todo cambia. Mentira! Hoxe, no mazadoiro da burga, nada cambia. Ata a inercia está quieta, coma se tivese preguiza. A inercia non me dá opción de seguir co entendemento posto na ponte vella. Sei que está aí, ó lado, detrás, pero non consigo vela. A caseta da burga tápama. E non podo moverme! Por moito que o intento. Por moito que desexo que sexa a propia inercia a que me impulse cara ó barrio da Igrexa. Pero non hai maneira. Maldita sexa!

A Cervexaría de Maceda. Xoves, 28 de novembro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario