jueves, 21 de noviembre de 2019

FUN POLO VENTO E VIN POLO AIRE

Fun polo vento e vin polo aire. Non me movín do sitio. Pero hai veces que me gusta dicir o que non é, o que non hai, o que non existe. Gústame esbardallar. Aínda que cometa erros. Podo cometer un erro dicindo que me cheira mal o asunto dos espías rusos en Cataluña. Que esa noticia saia agora, precisamente agora; repito, chéirame mal. Podo ter o olfacto escarallado, pero aínda así, a miña cabeza traballa moito, bulebule.
Fun polo vento e vin polo aire. Fun con Juan Luis Guerra e mentres fixen uns recados vin con Neil Young. Poida que a partir de xa! teñamos comunistas ata na sopa. Ó mellor é para desviar a atención. Ó mellor erro. Porque xa digo que, por veces, gústame dicir o que non é. Pero... aí queda a cousa. Fun polo vento e vin polo aire. Fun atender ó xuízo dos ERE e vin coa sentenza sobre os meus ombreiros. Seica foi moi dura a sentenza. E a min pésame a ineficacia da xustiza. Certo, o que realmente pesa é a perda deses 680 millóns de euros... que pagamos todos. E din que foi dura... Había de ser eu o xuíz; automaticamente facía tamén de verdugo. No noso país xa se sabe que a xustiza é unha comedia, un esperpento, unha carallada. Porque os do ERE foron condenados coma de risa, pero é que aínda hai moitos corruptos, moitas caixas B e moitos bancos que andan coma Pedro pola súa casa. Claro que mentres o españoliño de a pé siga de pasmón...
Fun polo vento e vin polo aire. Non me fagades moito caso. Case sempre me gusta baduar ou lanzar as campás pero sen badalo.

Finca Fierro. Xoves, 21 de novembro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario