Anda
revolta a feira. Politicamente, porque non sabemos o que queremos.
Non hai moito, malditos o PSOE e Unidas Podemos porque non pactaban.
Hoxe, malditos o PSOE e Unidas Podemos porque pactaron.
Eu, non obstante, aínda sigo ensaiando o
“Cara el sol” ou mirando de esguello para a fronteira de
Portugal. Por se hai que cruzar a raia. Por se aquel...
Anda
revolta a feira. Socialmente, porque o pasado mércores as redes
sociais (que arrastraron ós propios medios de comunicación)
revolucionaron á vila de Baños de Molgas por culpa da chea do río
Arnoia. A verdade é que, agora con isto do feisbuq e demais
trangalladas, así como cos móbiles, dunha pinga de auga facemos
todo un mar de esaxeración. Para aquel que
non coñeza Baños de Molgas, un titular dun xornal galego daba a
impresión de que a pobre da miña vila quedaba toda ela baixo as
augas do río que a cruza e a bica pola súa marxe dereita. Non
obstante, a chea da pasada semana pódese dicir moi perfectamente que
foi pequeniña, aínda que, ante a imaxe de dous coches apresados
pola auga, semellase que alí se estaba a acabar o mundo.
Pódeselle chamar
riada cando, por exemplo, no parque Ansuíña cobre os vestiarios da
piscina e o bar do parque. Ou cando o río cobre por completo toda a
estrada que vai a Os Milagres ata a altura de polo menos a Ponte das
Cabras e as leiras da contorna.
Ou cando chega ás mesmas casas da entrada á vila. Pero o outro día,
e segundo as fotos que vin, foi unha cousiña de nada.
Lembro unha
enchente do ano, creo, 1968 ou 1969, cando eu aínda ía á escola de
don Graciliano, na que tan só quedaban tres chanzos
da Ponte Nova para chegar a auga á propia
estrada principal da vila. Tamén houbo outra, na Noite Boa do 1998
(ano arriba ano abaixo) que si fixo que
peregrinásemos ata a burga para contemplala e lembrar todas as que
nos visitan todos os anos.
Porque en Baños
de Molgas, só que chova cun chisco de intensidade durante un día,
xa temos a enchente no lombo. Porque en Baños de Molgas asoman tres
ríos (o Sor, o de Tioira e o propio Arnoia) que, ó
chegar ó embude que forma a propia vila á altura da Ponte Nova,
non lle queda outra á auga que buscarse o seu propio
camiño. Pero tranquilos, que non afogamos.
Finca
Fierro. Sábado, 16 de novembro de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario