miércoles, 27 de noviembre de 2019

MELLOR QUE SIGA CHOVENDO

Por fin saen raios de sol que alumean sobre a idiosincrasia dun pobo. Son coma luces que se abren na intelixencia dun deputado e na falsificación dun acto. Acaba de asomar outro falsificador máis. E van... Agora tocoulle a quenda ó deputado pepeiro José Miguel González Robles, que falsificou unha licenciatura de Dereito. De todas formas, e en honor á verdade ou se o pensamos friamente, tampouco é para botar as mans á cabeza; que máis dá que os deputados teñan ou non licenciaturas, presuman ou non de másteres e sexan ou non estudados, se a maioría deles son uns ineptos, uns incapaces. E non digo nada de cando a un diplomado en agricultura, por exemplo, o nomean técnico de aeronáutica, ou a un licenciado en física e química o poñen fronte a un ministerio de Defensa.
Moitas veces é mellor que siga chovendo, que siga chovendo sempre para que os raios de sol non iluminen a intelixencia de “certas flores”. Algúns, ante tanta claridade, ven todo un mundo aberto e dun simple título de bacharelato sacan unha licenciatura física grazas á atracción ou rexeitamento dun meteorito sideral ó que se lle deu por pasar por alí, por calquera espazo do universo. Seguen os raios de sol proxectando un falso resplandor sobre un ceo político que, cada vez, se pon máis negro, moito máis negro. Menos mal que pouco a pouco entramos no inverno. Aínda que para algúns sempre brillará o sol sobre o seu “cerebro”. E sen fincar os cóbados sobre un pupitre vello asomarán con licenciaturas a treo.

A Cervexaría de Maceda. Martes, 26 de novembro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario