domingo, 10 de noviembre de 2019

CÍRCULO DE LECTORES

A verdade é que sentín nostalxia o outro día cando lin a nova de que pechara o Círculo de Lectores. Mellor dito, pechou a súa estrutura comercial. Pero para esa señardade que sinto é o mesmo que se pechara Círculo de Lectores por completo. Porque, para min, ese club de lectores foi como a táboa salvadora na miña época madrileña. Descubrira Círculo de Lectores por medio do meu irmán Pepe; tan axiña como os lía el, ía eu por detrás e caían nun santiamén. Tiven a gran sorte de que, xusto ó día seguinte de chegar a vivir a Madrid, asomou pola porta do piso do outro irmán un comercial de Círculo de Lectores. Non o pensei nin dous minutos; fíxenme socio ó instante.
Sei que Círculo non ofertaba as máis importantes novidades, pero compensaba iso cunha oferta económica máis baixa que as das librarías. E eu acababa de empezar a miña vida de funcionario, polo que a economía andaba xustiña. Ademais, que lerias, o caso era ler. Que máis dá que sexa o libro acabado de sacar do forno que o que se escribiu hai dous anos, por exemplo. O importante é ler. E eu lía, vaia se lía. Tiña que pedir varios para que me chegasen ata a próxima visita. Aínda así, de cando en vez ou bastante a miúdo, eu mercaba por aquí e por alá. Tiven que deixar Círculo de Lectores cando casei, porque nesta nova etapa si que influía aínda máis a economía; cada céntimo de peseta (antes) ou de euro (agora), co paso do tempo, era, é unha pequena riqueza. Pero Círculo de Lectores sempre estará nun recantiño da miña memoria.

Finca Fierro. Domingo, 10 de novembro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario