lunes, 25 de noviembre de 2019

POR NON ACEPTAR AS CRÍTICAS

Segue a violencia no fútbol. Neste, ata podo chegar a entender que se pelexen xogadores e, por suposto, o público, que é o que máis vive con paixón este deporte que, ás veces, pasa a ser un recinto de gladiadores en vez dun deporte de amigos. O que non entendo é que un directivo opte polas puñadas porque si, porque lle dá a gana ou, mellor dito, porque non acepta as críticas. Os directivos son, precisamente, os que deberían dar exemplo de cordura, ter un chisco de xuízo. Algo que semella que non ten Ramón Dacosta, o presidente da UDO, ou sexa, da Unión Deportiva Ourense. Porque, segundo as novas que saíron nos xornais, optou por agredir a dous periodistas sen vir a conto. Ou polo que dicía antes: por non aceptar as críticas dos resultados e da xestión do seu club. E polo que se conta, este paisano xa non é a primeira vez que elixe a brutalidade, que escolle a violencia.
Non obstante, o máis triste é o apoio ou xustificación dalgúns compoñentes do seu equipo e de certa afección. Cando a violencia, calquera signo de violencia non ten xustificación ningunha. Ningunha desculpa. Nin individual nin colectivamente. Agora tócalle ás Federacións poñer pé no asunto, tomar as súas medidas, pois entendo que el non tomará a iniciativa de deixar o club, nin a xustiza de coller o boi polo rabo. Porque se un señor optou por dúas veces xa darlle gusto ós seus puños, isto xa representa algo máis que unha simple liorta, xa vai máis alá do valor dunha palla.

A Cervexaría de Maceda. Luns, 25 de novembro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario