martes, 19 de noviembre de 2019

OS BIOSBARDOS

Deixo que os biosbardos se acochen entre as mantas dunha vida que transcorre con parsimonia. Aí, ó quentiño. E co silencio pegado ó seu lombo. Tan só as badaladas do reloxo da igrexa de Baños de Molgas son quen de anunciar as horas dunha noite pecha. Quero contar as badaladas (ou as horas) e pérdome. Cinco ou seis. É igual. É noite pecha. Ou ó mellor non tarda en amencer. Pero iso xa mo dirá a fiestra que dá á rúa, cando a claridade furgue coma un anuncio que a maioría non queremos. Co ben que se está no leito! Encollo máis e máis neses biosbardos que están ó quente.
Lembro aquelas tardes nas que berraba desde o alto dun outeiro e os paxaros emprendían o voo ante o ergutío que saía do meu peito. Lembro como pasaba o tempo sen facer ruído, entre aradiños de pau e xantares de touciño con pan, almorzos de touciño con pan, merendas de touciño con pan e ceas de touciño con pan. Un touciño cheo de lardo e nin chisca de febra. A vida, ás veces (ou moi a miúdo), era pura miseria. Todo o bo se vendía para acadar catro cadelas. Agora si, agora empeza xa a claridade a asomar por entre o instante do muxido das vacas. Pouco a pouco os biosbardos bolen por entre as mantas e inician a ladaíña dun suspiro entre a luz do día e o ruxerruxe do eixe dun carro de vacas. Non hai volta atrás nin parsimonia no tempo; empeza o bulebule, o fervedoiro dunhas labores eternas. Nunca houbo tales biosbardos na vida dun labrego. As badaladas do reloxo da igrexa de Baños de Molgas marcan o tempo.

Finca Fierro. Luns, 18 de novembro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario