viernes, 15 de noviembre de 2019

VIVIR PARA VER

Vivir para ver. Ou oír. Ou ler. Vexo o día e arrefríaseme o corpo. Ás veces chove, ás veces sae o sol e ás veces ameaza con nevar; a climatoloxía está un pouco louca. Aínda que como se adoita dicir: estamos no tempo. Oio o fío musical da Cervexaría e agradécese. Boa música para acompañar as liñas que van caendo dun bolígrafo azul sostido por unha man delgada, puro óso, pero co seu nervio quente. Leo notas, apuntes, comentarios, observacións que fun collendo nun pano de papel porque, por veces, asoman ideas ou imaxes á memoria e non se poden deixar perder. Un xa non recorda como recordaba.
Vivir para ver. Ou oír. Ou ler. Vexo como pasa a xente pola rúa e sei ó instante que vai frío, moito frío. As caras, hoxe, son o espello do tempo climatolóxico. Oio a un cantante en inglés que non sei o que di, pero que me deixa un bonito sabor a melancolía, incluso con certa morriña, neste espazo cerrado no que, fóra da música, barrúntase o silencio. Leo que a Fiscalía da Audiencia Nacional indaga se os cortes na AP-7 e o AVE son delito de terrorismo. Ai deus, vivir para ler! Cos auténticos delitos que hai por aí sen condenar, mesmo sen investigar, e que a tal Fiscalía non teña ansia deles... Vivir para ver. Vivir para oír. Vivir para ler. Vexo como se escapa o tempo, oio como funga o vento e leo o título do libro que estou lendo: “Sempre teu”, do vienés Daniel Glattauer. Agora toca dar unha volta para que os meus pés non se queixen a causa deste tempo, deste bonito pero maldito tempo.

A Cervexaría de Maceda. Venres, 15 de novembro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario