martes, 17 de diciembre de 2019

A SOMBRA DO FUTURO

Apértame a goma do pixama no cadril, pero aguanto coma os heroes. Sempre souben aguantar aquelas opresións coas que me quixeron castigar. Hai moito malnacido pola vida, ó que eu, por suposto, lle viro as costas. Sempre fun un heroe ante eses penedos que os malnacidos deixaron atrancados nos camiños. Cunha simple man apartábaos para as beiras. Os heroes teñen moita forza; incluso aqueles que son escuálidos como a fotocopia dun suspiro, ou como a contraluz dunha placa de raios infravermellos. Ás nove e media da noite síntome heroe escoitando a Andrew Strong ou dándolle ás teclas dun portátil á velocidade dos dous furabolos tan só. Non fai falta escribir á velocidade da luz para dicir catro trapalladas sobre un heroe imaxinado, suposto, inventado.
Podo escribir moi lentamente para dicir que o asubío que sae dos meus beizos viaxa por entre as corredoiras desa nenez da que sempre se esaxera algo. Ou moito. Sempre é bo deixar que os sentimentos avulten sobre a memoria do tempo. A ver!, non todos os días se pode ser heroes. Quero ser o heroe do infinito e máis alá, heroe do latexo que se oe ó lado e semideus dunha conciencia salvaxe á media distancia. Tiro da goma do pixama e alivio un pouco esa presión, de tal maneira que chego a dubidar da miña heroicidade. Pero ó soltala volvo aguantar a dor coma un auténtico heroe. Heroe de pouca monta, de pouca sonada. Pero son feliz pensando que a miña sombra é longa... e fraca. Algo así como a sombra do futuro.

Finca Fierro. Martes, 17 de decembro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario