jueves, 12 de diciembre de 2019

SUSPENDIDO NO AIRE

Subín ó campanario da igrexa coa intención de tirarme ó baleiro, pero collinlle medo. Dei de cabeza coas campás, peguei dúas voltas cheo de carraxe e alá fun. Boteime ó baleiro! Desde 30 metros de altura. Tan axiña como abrín os brazos, quedei suspendido no aire. “Veña xa, non me amoles!”, pensei. E por moitos xestos e esforzos que fixen para continuar coa caída libre, non houbo maneira. Ó mellor quedei así para que puidese contemplar o panorama. Vía alá no fondo, coma formigas, a uns cantos veciños esperando acontecementos e coas mans na cabeza, que axiña pasaron á expresión da boca aberta ó ver que eu non acababa de caer, que quedara suspendido no espazo e no tempo, e non sabían por que. Isto penso que era o que peor levaban, o de non saber o por que da miña suspensión.
Algúns, logo da primeira impresión, reaccionaron e chamaron ó 112 para que trouxeran unha colchoneta. Confiaban en que a miña suspensión fose moito máis alá dun instante para poder salvarme. Eu non quería que me salvara ninguén! Por iso berrei e berrei ante a impotencia de non caer. Quería esnafrarme no adro da igrexa. Eu, ó adro da igrexa queríalle moito, porque nel desenvolvín practicamente toda a miña infancia. Que mellor que rematar a miña existencia aí, precisamente aí! Pero nada, seguía suspendido no aire. Mais cando o reloxo deu as doce -quizais polo ruído-, collín camiño do chan que se achegaba á velocidade da luz. Rebotei coma un monicreque... na puta colchoneta!

Finca Fierro. Xoves, 12 de decembro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario