O
rural. O rural está de moda. Porque desaparece e porque, ó
mesmo tempo, se intenta dinamizar ou
recuperar. Como di a expresión: agora é tarde, Rosa. É tarde
porque nunca se intentou parar o que se vía vir. Neste noso país
nunca soubemos ver o futuro. Sempre fomos e
imos dous ou tres pasos por detrás. O outro día asomaba nos medios
de comunicación un artigo no que se daba conta de que máis de 3.200
pobos de Ourense e 80.000 veciños carecen da Internet. E carecen
agora, precisamente agora, cando a Administración, tanto estatal
como comunitaria, quere (e en algúns casos
xa obriga) que se tramiten documentos ou solicitudes pola Internet.
Imaxino ós veciños desas aldeas intentando conectar o ordenador ós
cornos das vacas para dar de baixa un
becerro, para solicitar un extracto da súa conta bancaria ou para
remitir unha sinopse do seu currículo.
Agora
mesmo o noso presidentiño Núñez Feijóo anda a predicar coa
dinamización do rural, pero, ó mesmo tempo está a pechar o
paritorio de Verín. Porque seica non compensa. Seguro que non, pois
a familia da que vai dar a luz ten que
desprezarse 100 quilómetros ou máis para poder estar con ela.
Ademais, a administración debería saber que, por
exemplo, 100 quilómetros non son o mesmo
en Galicia que en Castela. O tempo para percorrer esas distancias
varía unha “eternidade” dunha Comunidade á outra. Porque seica
é por seguridade. Seguridade de que? O presidente da sección de
Medicina Perinatal da Sociedade Española de Xinecoloxía e
Obstetricia di que é complicado
manter un paritorio con 60 nacementos, e
que manter a un neonato de menos de 1.500 gramos custa 3.500 euros.
Moi ben. A solución está en que a maioría dos políticos se
rebaixen o soldo ou se eliminen as pagas vitalicias. Todos sabemos
que hai moitos políticos que non merecen nin a metade do que están
ganando. Ou sexa, que non fai falta quitarlles o soldo todo. Só que
fose a metade de cada un xa daban para uns cantos paritorios. Pero,
claro, o rural... que máis dá; total xa está desaparecendo. Ante
os micrófonos predicamos pola súa recuperación, pero ás agachadas
imos pechando de aquí, imos suprimindo de alá, e nun
santiamén imos a Vigo ou á Coruña.
Finca
Fierro. Sábado, 7 de decembro de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario