lunes, 23 de diciembre de 2019

O VIDENTE DE BAÑOS DE MOLGAS

Deixo de escribir no ordenador, pecho os ollos e deixo que a miña mente busque e rebusque o número que vai tocar no sorteo do Neno. Xa está, será o 77.777. Son o adiviño de Baños de Molgas (pitoniso, en galego, non existe; si pitonisa, ou sexa, que non entendo un carallo) e vai saber a vidente de Xinzo de Limia o que é acertar. Esta non atinou co número do Nadal porque seica fallaron as súas “malas vibracións”. Penso que quen realmente fallou foron eses inocentes que se ilusionan cun simple brillo nunha bola de cristal ou cunha pequena nube de fume.
Pero aquí estou eu, o médium de Baños de Molgas, que prognostica un futuro cheo de días por pasar; con nubes e raios de sol, con pingas de orballo e folerpas de neve (se non é no maio será no inverno), con ruídos do mar e silencios nos recunchos pechos, e con asubíos por entre as carballeiras e rezos dentro das igrexas. Profetizo que detrás do luns chegará o martes e detrás da vaca correrá o boi se quere aterrar no lombo daquela para, nun futuro inmediato, gozar. Somos tan inocentiños que, sabendo que o cravo está ardendo, agarrámonos a el. Por se aquel. Pero ese aquel non arrea. Ese aquel non se detivo en Xinzo polas malas vibracións da Lagoa de Antela. Non vos queda outra, amigos, que confiar no vidente de Baños de Molgas. Este di de corazón que o 77.777 será o número que vos ascenda ós ceos. Se por un casual, a cousa non se cumpre é por culpa dos americanos, que a un servidor nunca lle deixaron boas vibracións.

Finca Fierro. Luns, 23 de decembro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario