O
título deste Recuncho acaba de ser aclamado
como o palabra do ano 2019 en Galicia, na nosa Comunidade.
Penso que calquera palabra rematada en -iña
ou -iño merece a máis grande distinción, porque hai que recoñecer
que o diminutivo galego é o máis fermoso da nosa linguaxe e todas
as linguas do mundo (que hai unhas cantas). Non
obstante, para este espazo que me concede o xornal non vou a
desenvolvela pola súa fermosura, senón polo seu significado, polo
seu sentido.
Porque hai que ter
moito sentidiño para analizar a política nosa de hoxe
en día. En primeiro lugar, os propios políticos non teñen
sentidiño ningún ante unha sociedade que os puxo aí para que
formaran goberno. A día de hoxe non temos tal. Pero tamén é certo
que nós mesmo non tivemos ningún sentidiño á hora de votar.
Moitos votaron ó que saia, ás toas
(eu, por certo, votei moi ben), e así asomaron partidos a moreas
que, agora, para metelos a todos ou á maioría deles no mesmo feixe
hai que buscar unha reata ou unha corda ben longa e ben consistente.
Falla
o sentidiño na xestión da AP-9 con respecto á súa peaxe, que por
aquilo de que quizais como somos galegos, é dicir, que somos o cu do
mundo, castígannos coa maior subida de todas as autoestradas de
España. Total, que son 21,20 euros se podes ir a
fume de carozo desde O Ferrol ata Tui...
Sentidiño nese Estado español que nunca mirou por nós. É igual,
nós seguiremos a darlle sentidiño cos nosos votos (tan só eu voto
ben)
Falta sentidiño
para a tramitación dos nosos cartos. Acabo de ler neste mesmo xornal
que o belén de Allariz realizouse por 4.000 euros. Fisicamente aínda
non o vin, pero
si conseguín velo en varias fotos que colgaron nas redes sociais, e
podo asegurar que nin punto de comparación co
de Ourense, ou sexa, moito pero moito mellor có
desta cidade, que custou 18.000 euros e
que, a maiores de feo, é pouquiña cousa. Pero
como pagamos os pombos...
E
xa para rematar, pido moito sentidiño para o día de mañá, para a
noite de mañá. Sentidiño nesas saídas nocturnas, tanto en
cuestión de tráfico como de “diversión”, así, entre comiñas.
Desde este
Recuncho, feliz 2020 a todos.
Finca
Fierro. Sábado, 28 de decembro de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario