lunes, 23 de diciembre de 2019

VANDALISMO E FORZA ESPACIAL

Ás doce e dez da noite voulle dar cheda ó alcalde de Ourense, vou romper unha lanza por Jácome, que ante o roubo do Neno Xesús dese belén esperpéntico, declarou que “poderá gustar ou non gustar, pero o que é intolerable é que, algo de arte na rúa, a quen no lle guste se dedique a empregar a forza” (o de arte na rúa é un dicir, sobra). Polo demais, ten razón: non se pode desfacer un traballo que é doutros aínda que non guste. A maiores do roubo do neno que estaba no colo da Virxe, realizáronse estragos en diversas figuras, e isto non se pode permitir. O vandalismo nas rúas debería estar máis perseguido. Papeleiras que se esnaquizan, farois que se rompen, contedores que se tiran, bancos que se arrincan; todo iso supón un gasto municipal que pagamos todos, incluídos os pais deses energúmenos, deses endiañados que non teñen dous dedos de fronte.
Ás doce e vinte e cinco da noite paso do Jácome a Donald Trump (uff, que parella), porque a este ianqui non lle chega con asoballar, incluso esmagar a diversos pobos da terra coas súas armas e as súas ideas (o de ideas tamén é un dicir), e agora quere crear unha Forza Espacial que, intúo (se non para que a quere), será para conquistar o espazo sideral, xa que o terreal semella que lle é pouco. E por se aquel, tamén quere reforzar a súa flota en Rota con dous buques de 600 mariños; non vaia ser que aterre por eses lares algunha nave extraterrestre. E nós, claro, deixaremos que a reforce. Non vaia ser que...

Finca Fierro. Domingo, 22 de decembro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario