O
sábado pola mañá, camiño da aldea da
muller, escoitabamos a radio e empezaron a falar da Cume do Clima,
que acababa de
rematar en Madrid. Semella
que a un periodista se lle deu por botar man das hemerotecas dos
xornais en relación ás últimas Cumes que se celebraran en
distintos lugares do mundo. En todos ese anos consultados (non os
lembro, pero dixo varios) os xornais tiñan todos o mesmo titular ou
moi semellante: “Os acordos foron mínimos”. É dicir, que
durante unha semana ou máis case 200 países e tras discursos de
mandatarios (a Madrid semella que chegaron
uns 50 xefes de Estado ou de Goberno),
negociadores, científicos, activistas e empresas só adoitan chegar
a uns mínimos acordos que (aquí está tamén o detalle logo de
pasado o tempo), finalmente, non cumpre ninguén. Ou sexa, catro
liñas que se redactan para que
ninguén as
realice. Algo así
coma os políticos cando prometen... que non cumpren.
Ante
isto, non queda outra que preguntarse a que veñen esas cumes, esas
xuntanzas. Porque, ollo ó dato, eses case 200 países (nesta de
Madrid seica estiveron invitados 196 países) traen consigo uns
gastos enormes que, por suposto, pagamos todos. Tan só a nós, a
España nos custa 86 millóns de euros. Si, alegan que se poderían
recuperar uns 17 millóns. E os 69 restantes
quen os paga? Ou sexa, que pagamos
69 millóns de euros para que todo siga igual. Porque si, moita
convocatoria, moita reunión, moitos
estudos, moitos
análises, moitos parladoiros, moita visita
e moita trapallada para nada. É normal
entón que cada vez desconfíe máis destes eventos que duran moitos
días e que traen unha morea de seres humanos. Porque hai que
programalos e situalos,
aloxalos... para
nada. Porque non son capaces de poñerse de acordo nin uns nin
outros. Porque intentan pasarse a pelota con tal de non admitir algo
da súa culpabilidade (hai que recoñecer
que todos, absolutamente todos somos algo ou bastante culpables).
Despois tamén pasa o de toda a vida:
que os que máis problemas poñen sempre, neste caso que nos ocupa,
son os que máis contaminan. É igual; para
a próxima cume seguirán de invitados para prometer o santo e mais a
esmola, e asinar un... acordo de mínimos.
Finca
Fierro. Sábado, 14 de decembro de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario