domingo, 29 de diciembre de 2019

CONVERSA ESTRATOSFÉRICA

Quero sinalar que a distancia que hai desde o infinito ó máis alá é infinita. Así me dixo o alieníxena que sentou á miña beira. Tamén che digo que a liña máis mal escrita no libro máis pésimo leva as mesmas letras do dicionario que a liña mellor escrita sobre a máis impresionante novela. Deixoume aparvado. El ben que viu a miña cara de pasmo, xa que ó instante ensinoume un sorriso... estraño, quizais estratosférico, ou galáctico. Ora ben, o asubío que sae dos teus beizos nas mañás de néboa espesa dá voltas e máis voltas para atopar unha abertura pola que asome a luz do día. Está visto que o alieníxena ten ganas de parola. Segue prendido a min e coa confianza incluso me bota unha das súas mans polo meu ombreiro.
Mireino de esguello e cando me deu a impresión de que quería seguir coa súa leria, adianteime dicíndolle que que estaba a pasar, que todos os alieníxenas que chegaban a verme ou que chegaban a Baños de Molgas aterraban na Pitediña. Certo que lle ocultei que o “todos” eran tan só el e ese amigo que me visitou xa varias veces e que sei que estaba a piques de aterrar de novo. Tamén me mirou de esguello e soltoume aquilo de... e a ti paréceche que podo aterrar por entre os carballos das Mestras ou nos terreos dos Campos? A verdade é que non, a verdade é que o mellor sitio é na Pitediña ou na Chaira. Pero nesta, claro, para non escarallar o campo de fútbol... A ver, listo, pregunteille, canta distancia acabas de percorrer. Non me soubo dicir. Calou, deume un bico na fronte e despegou.

Finca Fierro. Domingo, 29 de decembro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario