lunes, 16 de diciembre de 2019

OU É OU NON É

Creo que foi o sábado cando lin nos xornais certas críticas sobre o tráfico nas zonas peonais da cidade de Ourense por culpa dun accidente que causara un furgón. Penso que tamén xa máis dunha vez critiquei o mesmo incumprimento que adoita acontecer, principalmente na rúa do Paseo. Volvo a elo porque precisamente o día anterior a esas críticas, ou sexa, o venres, e aproveitando que tiña a un rapaz na autoescola, fun dar un paseo ata o centro desde Mariñamansa. Metinme, claro, polo casco vello. Axiña tiven que ir con cen ollos porque cada dous por tres aparecía un coche circulando. E cando cheguei á propia rúa do Paseo, a maiores de circular, eran os que estaban aparcados. Dun lado e do outro. A exposición automobilística daba para foto ou para un vídeo deses que tanto imperan nas redes sociais.
Cando cheguei á altura do Parque de San Lázaro dei a volta e, en vez de diminuír os vehículos, aumentaran. Aumentaran tanto que ata a propia policía local se subiu ó carro dos despropósitos. Si, xa sei que alguén dirá que pasarán de cando en vez para a súa correspondente vixilancia ou control. Pero tamén podían facer acto de presenza a pé, digo eu. É que é incongruente sinalizar unha zona peonil e despois ver que, incluso en certos momentos do día, haberá máis coches que xente. Ou é ou non é, e punto. Xa sei que os de carga e descarga... Ai meu Deus, se tiveran que facer o que faciamos nós cos feixes de nabos ou de ferraia para levalos das fincas ás casas. Ó lombo! E máis dunha vez ó día.

Finca Fierro. Domingo, 15 de decembro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario