miércoles, 11 de diciembre de 2019

DE INTERESE EN INTERESE

Teño o peto do pantalón cheo de papeis, de notas que pillo dos xornais, de listados cos libros que leo, de apuntes interesantes para consultar, pois a memoria non é o que foi. Vai frío. Vai un frío do demo. Nótoo nos pés, nos malditos pés. Dáme pena a rapaciña Greta Thunberg. Non sei, imaxínoa como unha boneca pasando de man en man, de interese en interese. Estanlle escarallando a infancia. E coa marcha que leva estragaranlle a adolescencia.
Tamén me dá pena o xabaril. Si, como oídes. Ou como ledes. Achácanlle que é unha praga porque causa case tres mil accidentes de tráfico ó ano e, por suposto, danos á agricultura. É certo. Pero antes, cando el xa estaba aquí, había carros de vacas e non coches. Pero antes, para arar un eido, levaba medio día e o xabaril non se achegaba a fozar. Agora, cun tractor, árase nuns minutos e xa abandonas a leira. O problema non é o xabaril.
Cada vez invadimos máis o seu espazo. Eu, por exemplo, agora, reduzo bastante a velocidade do coche moito antes de entrar a un centro de poboación porque sei que os porcos bravos se achegan máis e máis ás aldeas, que é onde poden acadar algo para o seu sustento. Xa que no monte, entre incendios e desaparición de moitas especies, o pobre, ten que buscarse a vida. Coma o ser humano. Claro que o ser humano é tan intelixente que só este é digno de merecer todos os espazos abertos. Incluso aqueles nos que nunca imperou. Así é que non queda outra que conquistalos.
Ós demais que os parta un raio.

A Cervexaría de Maceda. Martes, 10 de decembro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario